Saturday 04 de May de 2024

A Xunta impulsa actividades educativas, culturais e formativas para as persoas maiores a través do programa uned sénior


O convenio conta cun orzamento de 13.860 euros e está especialmente dirixido ás contornas rurais, onde non chega a universidade presencial

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o director en funcións do centro asociado da Universidade Nacional a Distancia (UNED) na Coruña, Germán Carro, asinaron esta mañá un novo convenio de colaboración que permitirá dar continuidade ao programa da UNED Sénior, un programa que desenvolve actividades educativas, culturais e formativas destinado ás persoas maiores. A firma realizouse nas dependencias administrativas de San Caetano.

Este convenio, que conta cun orzamento de 13.860 euros, ten por obxectivo ofertar á poboación maior que concluíu a súa vida laboral formación actualizada e axeitada ás súas inquedanzas formativas e intereses culturais.

Cómpre indicar que esta iniciativa está especialmente dirixida ao ámbito rural galego, de tal xeito que as clases non se celebran nas sedes que a UNED ten nas cidades da Coruña e Ferrol, senón que se desprazan aos contornos rurais da provincia da Coruña e tamén Lugo, para dar un servizo ao que non chega a universidade presencial.

Pola súa parte, Fabiola García destacou esta colaboración do Goberno galego coa UNED ao subliñar a importancia de que as persoas de máis idade teñan a oportunidade de formarse e seguir aprendendo dunha maneira activa e participativa. Ademais, valorou de maneira positiva que desta maneira as persoas maiores poidan compartir coa sociedade as súas experiencias e ao mesmo tempo acadar novos coñecementos como os que as diferentes materias do programa lles proporciona.

UNED Senior desenvolve tres grandes bloques de ensinanza (Aprender a envellecer, Cultura xeral e divulgación científica e Temas de actualidade), a través dos cales se poñen en marcha materias como Cultura musical de Galicia, Manexo de ordenador para comunicacións e redes sociais, Alimentación e saúde ou Historia da Arte e Patrimonio, entre outras.